mércores, 16 de outubro de 2019

Comezamos!!!

Onte tivemos a nosa primeira reunión do Club de ciencias do IES Sofía Casanova deste curso 2019/2020.
Foi coma sempre, moi emocionante ver coma una chea de alumnos/as do centro teñen interese na ciencia e dedican parte do seu tempo libre a seguir aprendendo.


Despois de unha posta en común estes foron os proxectos que acordamos desenvolver este curso:
  1. Construcción dun robot e programación dun baile con un robot con LEGO seguindo as especificacións do proxecto ERASMUS + . Robot dance no que participa o centro. 
  2. Deseño e construcción dunha vivenda bioclimática. 
  3. Continuación no proxecto de Venus no sistema solar que comezamos o ano pasado
  4. Impresión 3D
Ademais, acordamos que nos vamos reunir todos os 1º e 3º martes de cada mes. Como este mes ten 5 martes, quixestes que tamén nos reuniramos, así que nos vemos o próximo día 29!!

luns, 24 de xuño de 2019

Perdemos o ceo nocturno

Hoxe na Voz de Galicia saiu un artigo que fixo saltar as nosas alarmas: perdemos o ceo nocturno. No club de ciencia estivemos a falar da cantidade de satélites artificiais e o lixo espacial que hai sobrevoando a Terra. Incluso debatimos sobre a posibilidade dunha normativa que regule a cantidade de satélites que se poden lanzar,  posto que se usades algunha simulación dos satélites que nos rodean, a impresión que crea é difícil de esquecer. Pensabamos que había moitos satélites, pero non podiamos imaxinar cantos.
Na páxina stuff in space podemos atopar datos de todos estes satélites: tanto do ano en que se lanzaron, a distancia á que se atopan, velocidade coma período de rotación. Se ves as imaxes non as poderás esquecer, asegurámoscho!













Neste vídeo podemos visualizar o lixo espacial que nos rodea, para concienciar deste problema o artista holandés Daan Roosegaarde creou un laboratorio de lixo espacial.


SPACE WASTE LAB PERFORMANCE by Daan Roosegaarde - El espectáculo de la BASURA ESPACIAL from Studio Roosegaarde on Vimeo.

Dende o club de ciencia este ano pensabamos a posibilidade de facer unha análise da contaminación lumínica na nosa cidade, aínda que ao final non nos decidimos a facelo.
Cando comezamos con esa idea investigamos un pouco, e atopamos a agrupación ío, unha agrupación coruñesa de aficionados á astronomía, que na súa páxina xa falaban da contaminación lumínica dos satélites.
Quizais o ano próximo traballemos nesta liña, pois queremos que a nosa sexa unha cidade que respete o ceo nocturno, e todo o que aprendemos de astronomía este ano fixo que o noso interese en mirar cara arriba pola noite aumentase.
Non queremos que se perda a posibilidade de ver as estrelas, os planetas e os satélites naturais a simple vista. Respetemos o ceo!