luns, 24 de xuño de 2019

Perdemos o ceo nocturno

Hoxe na Voz de Galicia saiu un artigo que fixo saltar as nosas alarmas: perdemos o ceo nocturno. No club de ciencia estivemos a falar da cantidade de satélites artificiais e o lixo espacial que hai sobrevoando a Terra. Incluso debatimos sobre a posibilidade dunha normativa que regule a cantidade de satélites que se poden lanzar,  posto que se usades algunha simulación dos satélites que nos rodean, a impresión que crea é difícil de esquecer. Pensabamos que había moitos satélites, pero non podiamos imaxinar cantos.
Na páxina stuff in space podemos atopar datos de todos estes satélites: tanto do ano en que se lanzaron, a distancia á que se atopan, velocidade coma período de rotación. Se ves as imaxes non as poderás esquecer, asegurámoscho!













Neste vídeo podemos visualizar o lixo espacial que nos rodea, para concienciar deste problema o artista holandés Daan Roosegaarde creou un laboratorio de lixo espacial.


SPACE WASTE LAB PERFORMANCE by Daan Roosegaarde - El espectáculo de la BASURA ESPACIAL from Studio Roosegaarde on Vimeo.

Dende o club de ciencia este ano pensabamos a posibilidade de facer unha análise da contaminación lumínica na nosa cidade, aínda que ao final non nos decidimos a facelo.
Cando comezamos con esa idea investigamos un pouco, e atopamos a agrupación ío, unha agrupación coruñesa de aficionados á astronomía, que na súa páxina xa falaban da contaminación lumínica dos satélites.
Quizais o ano próximo traballemos nesta liña, pois queremos que a nosa sexa unha cidade que respete o ceo nocturno, e todo o que aprendemos de astronomía este ano fixo que o noso interese en mirar cara arriba pola noite aumentase.
Non queremos que se perda a posibilidade de ver as estrelas, os planetas e os satélites naturais a simple vista. Respetemos o ceo!

xoves, 20 de xuño de 2019

Venus no Sistema Solar Ferrolterra

Por fin puidemos expoñer os traballos que fixemos estes últimos meses, no que o o Sofía Casanova se converteu en VENUS como parte da participación no proxecto Sistema Solar Ferrolterra.


Enchemos a entrada do instituto cunha exposición da interpretación que fixeron da Venus de Botticelli, os rapaces e as rapazas de 4º de ESO na materia EPVA.


             Tamén fixeron a súa proposta para o logo do proxecto. Achégate a miralos e escolle o teu favorito!

 Na mesa central hai selección de libros moi ampla e interesante que aportaron dende a biblioteca do noso centro, podes atopar tanto libros con datos científicos como libros de poemas.


Estes poemas tamén están recollidos nunhas presentacións realizadas polo alumnado do club de ciencias, que fixeron partindo dunha selección de poemas relacionados con Venus que fixo un profe de Lingua Castelá no noso instituto, Daniel Iglesias.

Como non podía faltar, tamén hai un panel que recolle moita información científica e datos curiosos nos que estivemos traballando todo o ano no noso club de ciencias.

Fixemos un traballo conxunto dende diversos enfoques, e o resultado é espectacular. Aínda hai máis sorpresiñas, pero non nos deu tempo a rematalas, esperamos poder ter todo listo a comezos do curso que vén. Non queda máis que dar os parabéns a todos os participantes polo seu esforzo e traballo.








luns, 17 de xuño de 2019

Escape Room



Para rematar o curso, as nosas profes déronnos unha despedida deseñando un escape room para o club de ciencia.

Foi unha sorpresa, tivemos que superar test relacionados con Venus e o Sistema Solar, descifrar acertixos, atopar códigos que nos permitían abrir candados, ou usar o cubo de Miniverse para atopar respostas que nos permitisen elixir as claves correctas.


Despois chegou a parte de robótica, co K-BOT tivemos que chegar a Venus co noso robot e volver sen chocar con ningún asteroide, e co Lego Mindstorm tivemos que coller o último código que nos permitiu lanzar un cohete e así salvar ás nosas profesoras de quedar atrapadas en Venus para sempre.


Pasámolo xenial!!!

Ilusións ópticas

Onte na páxina de Gciencia volveron aparecer ilusións ópticas das que tanto nos gustan. Neste caso, trátase dunhas esferas que son todas marróns, pero que o noso cerebro percibe de distintas cores debido ás liñas horizontais de cores azul, verde e vermello. Este efecto óptico chámase 'ilusión de Miunker' e unha vez máis, amosa como o noso cerebro ten problemas á hora de distinguir cores. 

Xusto despois do día da ciencia na rúa, tamén vimos un artigo na prensa que nos chamou a atención: 
Nós tiñamos claro que era polo noso éxito no día da ciencia na rúa, pois amosamos estas zapatillas e explicamos as causas da cor percibida a un montón de xeito. Pero na prensa falaban sobre as explicacións inadecuadas que circulaban pola web. Menos mal que a nosa explicación era a axeitada, vése que o noso grupo de investigación de ilusións ópticas está moi ben informado. Parabéns rapazas!

xoves, 13 de xuño de 2019

Día da ciencia na rúa

O día 4 de Maio (seino, imos tarde) asistimos ao Día da Ciencia na Rúa en Coruña. O día estivo magnífico e puidemos amosar aos que se acercaron ata o parque de Santa Margarida, os nosos proxectos e ideas.
Estivo repleto todo o día de xente e os rapaces e as rapazas do Club de Ciencia non pararon de traballar.
Compartimos a jaima co IES Rego da Trabe, fixemos a nosa xa famosa piscina de fluido non newtoniano onde os nenos e as nenas pasárono xenial.

Proxecto Sistema Solar Ferrolterra
Amosamos á xente o noso planeta, Venus. explicamos as súas características e a xente puido sentir a súa presión atmosférica, que reproducimos aspirando o aire dunha bolsa. Ao comezo había reticencias, pero despois todo o mundo quería aspirarse...



Robótica
Os nosos robots tiveron un éxito tremendo, pequenos e maiores participaban nos retos que lles propuxemos. Todos aqueles que superaban os retos recibían un cuño que lles permitía conseguir Hawkings, os cartos do día da Ciencia e que despois cambiaban por regalos na organización.


Diagramas de Voronoi
Queriamos acercar as matemáticas á xente e conseguímolo, aínda que era complicado de explicar, todo o mundo o entendeu moi ben e quedaron sorprendidos de que a matemática sirva neste tipo de
prediccións.
Se queres ver máis información, mira a nosa entrada no blog Diagramas de Voronoi.
     

Ilusións ópticas
A mente engáñanos ás veces, e puidemos amosalo á xente. Tanto impresas en papel coma en 3D levamos unha mostra de como ás veces non vemos a realidade, podes ver as nosas ilusións ópticas na nosa entrada do blog.